Na mente dos impulsores e impulsoras da Asociación Terra de Outes estaba o desexo de dar continuidade á Plataforma Nunca Máis de Outes, que durante un par de anos protagonizara unha gran mobilización social neste concello para esixir, xunto unha multitude de organizacións de toda Galicia, responsabilidades pola catástrofe do Prestige. A intención, expresada por un dos promotores, Xoán Mariño, era a de manter unha estrutura estable de cidadáns e cidadás dispostas a raccionar diante de calquera alarma medioambiental ou na demanda de dereitos e libertades sociais e, mentres non se producise tal circunstancia, actuar na dinamización da vida cultural de Outes ou a protección do patrimonio histórico e etnográfico.
A tal fin comenzaron os primeiros encontros entre os e as activistas da hibernada Plataforma Nunca Máis de Outes que cristalizaron na acta fundacional da Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes que asinaron os seus primeiros socios/as en outubro do 2005 (ver foto 1). Porén, a súa actividade comenzou moito antes, desde o mes de febreiro dese mesmo ano con diversas reunión preparatorias nas que se escolleu, ademais do nome, unha Xunta promotora que se encargou de elaborar uns estatutos e un regulamento que, unha vez aceptados en asemblea polos sociose socias no verán do 2005, deberon ser sometidos ao trámite administrativo da súa aprobación pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, que inscribíu a Terra de Outes no Rexistro de asociacións con data do 14 de febreiro de 2006.
Entrementres, a Asociación xa fixera acto de presencia pública en xullo dese ano con ocasión do centenario do nacemento do pintor Arximiro Suárez, natural de Boel (Outes), para cuxa conmemoración se organizou unha exposición de pinturas do artista cedidas por familiares, propietarios particulares e os Concellos de Noia e Outes, que colaborou na organización dos actos de homenaxe e financiou a publicación dun catálogo das pinturas que formaron parte da citada exposición (foto 2) e no que se recollían textos de Avilés de Taramancos, Xoán García, Xoán Mariño e Xosé Agrelo, quen, ademais, participou na inauguración da exposición cun fermoso discurso moi aplaudido polo numeroso público asistente, entre o que se atopaban unha filla e algúns netos do artista outense.
En novembro do mesmo ano, por iniciativa desta nova Asociación, con ocasión do Día Internacional contra a violencia de xénero, tivo lugar unha concentración diante do concello en protesta do elevado número de vítimas da violencia machista nos meses anteriores.
E un mes despois, Terra de Outes interviña na organización da presentación do libro ¿Orfeu en soños?, do poeta natural de Cando (Outes) Ramón Blanco, acto co que se pechaba o primeiro ano de existencia da nova Asociación.
Ergueuse no lugar do Freixo próximo ao límite co concello de Muros, onde fora asesinado o deputado republicano Luis Barrena y Alonso de Ojeda. Este era natural de Sigüenza (Guadalajara) e foi concelleiro en Madrid na primeira corporación republicana saída das urnas en abril de 1931. Logo contribuíu á fundación do Partido Republicano Radical Demócrata, xunto con Diego Martínez Barrio, quen despois sería brevemente xefe do goberno republicano trala dimisión de Casares Quiroga. Estaba casado con Carme Doval, unha farmacéutica natural de Muros, filla dun prestixioso avogado afincado na capital.[...]
Restauración do muíño Grabiel no Freixo:
Hai en Outes 259 muíños repartidos polos tres grandes ríos e a gran multitude de pequenos cursos de auga que cruzan as dez parroquias que conforman o noso concello.
No Río de Outes, que nace nas inmediacións da igrexa de S. Pedro e vai desembocar ao Río Tins á altura da Serra, hai 9, incluíndo os tres que se achan nos dous delgados regatos que pasan a rentes de Vilar e Cambeiro.
Os últimos cinco, coñecidos como Muíño do Caghulo, Muíño do Couto, Muíño de Cambeiro, Muíño da Boela e Muíño Grabiel son os que se reflicten nun mapa do ano 1780 elaborado polo arquitecto Manuel Varela que en anos anteriores estivera construíndo a igrexa parroquial e que por esa época estaba traballando no campanario de S. Tirso de Cando. Este mapa fora encargado para representar unha captación de augas no Río de Outes que era obxecto de litixio e que debeu chegar en apelación á Real Audiencia de Galicia, de onde anos máis tarde pasou ao Arquivo do Reino de Galicia, onde na actualidade se conserva. Aquela data sérvenos para confirmar que no século XVIII xa funcionaba este muíño, o derradeiro dos cinco que se achan no tramo deste curso fluvial que pasa polo lugar que leva precisamente o nome do río.
Cando todos eles foron visitados no proceso de catalogación da arquitectura popular de Outes que se levou a cabo entre o 2000 e o 2002, xa ningún estaba en activo e a maioría estaba en ruíñas e o Muíño Grabiel tamén se achaba nun estado lamentable. [...]