En outubro de 2012 cúmprense 200 anos do nacemento de Francisco Añón, a personalidade máis ilustre, querida e respectada por todos os outenses que oíron aos seus maiores referirse a el cun ton de auténtica reverencia, por ver na súa obra poética a expresión máis lograda tanto da beleza da terra que nos veu nacer como da nosa forma de ser, de relacionarnos co entorno e cos demais.
Por este motivo, os veciños de Outes, queremos aproveitar o acontecemento para, non só homenaxear o noso célebre escritor, senón tamén para transmitirlles ás novas xeracións a necesidade de manter viva a chama que alumea a nosa identidade.
Na certeza de que os actos que se van levar a cabo por parte da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Outes e para renderlle cumprida homenaxe deben servir tamén para achegar a súa figura aos máis novos, é polo que cremos conveniente que toda a sociedade civil de Outes, a través do asociacionismo veciñal e cultural, entidades de todo tipo, empresas e, sobre todo, os centros de ensino, deben intentar involucrarse en ditos actos para levar a todos os curruchos do concello e todos os seus veciños e veciñas a nosa permanente devoción polo gran poeta Francisco Añón.
Por este motivo animamos a todos cantos queiran contribuír na homenaxe do noso querido poeta a participar nos actos de difusión da vida e obra de Añón que se celebrarán ao longo do presente 2012, no que vén de ser declarado por parte do Concello de Outes como Ano de Añón, para o que se conta co apoio institucional da Real Academia Galega, o Consello da Cultura de Galicia, a Deputación de A Coruña e a Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia.